8 abr 2015

Visita de Fina Casalderrey

Nesta segunda avaliación, os alumnos de 3º lemos A Pomba e o Degolado, unha obra moi interesante escrita por Fina Casalderrey. A autora veu visitarnos  para contarnos emocionantes historias sobre a súa vida e relatarnos dalgún xeito a orixe do libro e en que se inspirara. 
A charla comezou cunha presentación sobre a autora feita por dúas alumnas do noso curso: Alejandra e Desi que cometeron un erro moi divertido, xa que falaron do seu marido tratándoo de “amigo”. 
Despois disto, Fina comezou a falar, e polo menos a min, enganchoume tanto coma o libro. Foi moi graciosa, xa que xuntaba as súas incribles historias  con bromas moi simpáticas polo medio. Esas horas estiveron cheas de anécdotas sobre a súa vida, unha delas foi a dun rapaz do seu antigo colexio, que ten unha certa semellanza cun dos protagonistas da historia. Este mozo, ao ter unha vida persoal complicada debido aos problemas que tiña a familia, ao redactar unha cousa, sempre escribía a mesma tráxica historia: a súa.
Despois de todo isto, quedounos un tempo para poder facerlle unhas poucas preguntas sobre o libro. Por último, e xa para finalizar, Fina asinou a todos os alumnos e alumnas que quixeron cadanseu libro.           

Gabriel Barreiro Rivera 3ºA