28 feb 2014

O Entroido de Castro de Laza

É espectacular!
O primeiro que vos vou contar é onde queda: un pequeno pobo na provincia de Ourense, moi preto de Laza, moi coñecido polo entroido.

O traxe tradicional é o peliqueiro.


As chocas comezan a poñerse o día de Noiteboa, pero só as chocas! O peliqueiro non se pode poñer ata o día da festa, é tradición.

O entroido comeza o sábado, os mozos e mozas tocan e bailan, pero haberá que marchar cedo para a cama porque...o domingo pola mañá hai que poñer o peliqueiro!

Vestímonos ao remate da misa; este ano tamén haberá unha homenaxe a Paco, "o Xastre", o noso querido veciño que levaba facendo os peliqueiros moitos anos. Deixounos en xaneiro, pero o seu traballo vai seguir sendo recoñecido, porque el facía os traxes coma ningunha outra persoa.

O seu traballo foi recoñecido por toda a península, e tamén no estranxeiro, incluído o museo de Osaka en Xapón.


O domingo pola tarde, sae a xente disfrazada e tamén a comparsa do pobo veciño chamado Tamicelas. Os rapaces botan fariña.


                                                             Isto si que é entroido!

O luns erguerémonos co son das gaitas e dos bombos, vestímonos con roupa vella , chuvasqueiro e..Listos para a farrapada! Imos todos xuntos nun remolque dun tractor ata Tamicelas, comemos chourizo e empanada
Un home, abre a billa da auga como sinal de que nos temos que ir preparando.

A farrapada é auga mesturada con terra, barro, trapos vellos e moitas ganas de troula. Móllanse e... que empece a batalla!


O luns pola tarde despois dunha boa ducha e dunha boa comida toca a hora das formigas, da morena, dos cobelleiros (verzas) e dos toxos.
As formigas cóllense o luns pola mañá, métense no forno para que se revolucionen e pola tarde bótanselle á xente.


O martes toca descansar un pouco, ese día comemos todos os do pobo xuntos, e pola tarde os veciños volven a poñer o peliqueiro, pois tamén é a hora de ler o sermón, unha serie de rimas, con humor e gracia, onde se contan as cousas que lles ocorren aos veciños durante todo o ano.



Tódolos días hai música, baile e maragatos.

Este ano despois da misa eu, terei que ler un poema que fixen na clase de galego, inspireime no Paco e estarei moi orgullosa de poder lelo na súa honra e vestida con Peliqueiro. O poema di asi:

Peliqueiros! Cigarróns!
este ano moi unidos
polo recordo do Paco
noso veciño querido

Soarán os peliqueiros
coma un paxaro salvaxe
pensando no percorrido
pensando na súa viaxe.

Doce zamarras ferintes
acompañan no correr
o grande arco da vella
na chaqueta podes ver.

Estamos orgullosos
de vestir este traxe
representando o que somos
recordo do noso xastre

Nosas campás soarán
o remate da misa
pero máis fortes as chocas
lembrando a túa risa.

Neste blog de Castro de Laza encontraredes moita máis información sobre o entroido e tamén sobre o pobo.http://castrodelaza.blogspot.com.es/p/peliqueiro.html

¡¡¡NON VOS ESQUEZADES DE VIR!!!

Clara  fraguas Rivela, 2ºESO


O entroido

Cóllemoslle prestadas estas tres interesantes presentacións sobre a celebración do entroido a LourenÇo. Son as que vimos na clase e Roberto quería subilas ao blog. Aí quedan, a ver se así convence os pais para que o leven a Laza...





27 feb 2014

ÉLITROS

 Esta palabra saíu nun exercicio que fixemos despois do ditado. Tiñamos que dicir o que significaba e como non o sabía, xa que nunca a escoitara, tiven que esperar a que o corrixiramos.

Significa: cada unha das dúas ás anteriores dos insectos que non son utilizadas para  voar senón como protección.










Nuria 2ºS