17 nov 2011

O reino ideal

Autor : Miguel Anxo Mouriño
Ilustrador : Andrés Meixide
  
Antía, é unha rapaza de dez anos que por culpa do divorcio dos seus pais ten que cambiar completamente de vida. Tarda moito en adaptarse ao seu novo colexio de aldea e cando consegue estar a gusto, vivirá unha fantástica aventura na que loitará con toda a súa forza e sabedoría para que Buli, conserxe do centro, poida seguir traballando no colexio. Para iso terá que encontrar nun mundo ideal un ovo que lle fará ao conserxe seguir con vida.
Este libro é moi interesante e recomendable para as persoas da miña idade. A obra fainos soñar cun mundo estraño e divertido onde grazas ao "poder da palabra", Iria consegue que o conserxe continúe vivo.
Miguel Anxo Mouriño intenta con este libro facerlle unha pequena homenaxe á palabra e fainos ver que sen ela a comunicación sería practicamente imposible.
É moi importante a persistencia de Antía xa que se ela non pelexara ata o final non conseguiría salvar a Buli.

Marta Torres, 1ºR

3 nov 2011

Ai, as novas tecnoloxías!

Este ano tiven sorte cos dous grupos de 1º da ESO, son moi falangueiros, pero parecen espelidos. Que ben! Agora co Abalar non se me van aburrir; hai que aproveitar mentres sigan enguedellados cos ordenadores.
-Ola, bos días! Veña, sentade que imos facer unhas actividades moi divertidas.
-Cos ordenadores?  Beeeeeeen!!
Pero que pasa? Por que non acende este aparello? Non pode ser, quedou desconectado. Nada, sen batería. E agora que fago? Profe, profe! Sei eu, sei eu! Dálle arriba! Non, dálle abaixo! Move o cable! Toca a pantalla!... Non perdamos a calma. Nada, enchufamos o ordenador fóra do carro e xa está. Listo! Calade, que isto xa vai! Imos escoitar unha canción moi bonita, fixádevos ben na letra porque é un poema de Cunqueiro, titúlase No niño novo do vento.
Que é isto? Non vai a conexión a Internet. Vaia, ho! Profe, profe! Sei eu, sei eu! Dálle arriba! Non, dálle abaixo! Move o cable! Toca a pantalla!... Bo é que como xa me pasou o outro día traio unha copia do audio no “pincho” que se non… A ver, que facedes todos de pé? Xa está resolto, escoitade!…
E agora que pasa? Por que non se oe? Non pode ser! Que calor vai aquí. Calade, por favor! Non vedes que estou a ter problemas coa trapallada esta dos ordenadores? Profe, profe! Sei eu, sei eu! Dálle arriba! Non, dálle abaixo! Move o cable! Toca a pantalla!... A ver, hai que revisar: o son do canon: ben, o do ordenador: ben, o altofalante: ben. Entón que fago? Nada, chamar ao coordinador TIC. Si, de fixo que Antonio me resolve isto nun momento. Ha de ser unha chorrada, pero eu xa non sei que facer. Nenos, nenas! Por favor, calade! Sentade! Que facedes?
Que é iso? O timbre? Non pode ser! Se aínda non repartimos os ordenadores!!!

O misterio das badaladas

Aí vos deixo unha presentación sobre o libro de Xabier Docampo que tanto vos gustou :-)))):

Usha

Autora: María Reimóndez
Ilustracións: Iván Sende

O libro trata sobre a vida dunha galega que marcha á India, e conta que lle pasa nese país.
Esta novela non me gustou  moito porque é moi pesada con algúns temas, por exemplo, dedícalle dúas páxinas a unha chamada que lle fai o pai, supostamente morto, á nai unha vez ao mes. Pero tamén conta cousas interesantes doutras culturas como que na India os matrimonios son acordados, sen preguntarlles aos que casan. Por exemplo o da curmá da mellor amiga da protagonista, que está namorada dun amigo, pero téñena encerrada na casa, toda deprimida. Aínda que ao final, a nai de Usha consegue que lle deixen estudar medicina, como ela quere, e que poida casar co seu amigo que se chama Ramal.
O libro tamén ten un carácter ecoloxista, por exemplo cando conta que se todo o mundo da China e máis da India usara papel non habería árbores suficientes.

Ramón Daniel, 1ºR